A importancia histórica e cultural do conxunto formado polos castelos da ría de Ferrol e do Arsenal Militar, froito da racionalidade da Ilustración, é de sobra coñecida por todo os ferroláns. Estas instalacións constituían, no século XVIII, a mayor base naval militar de Europa e facían da ría un fortín inexpugnable desde o mar, tal e como amosan as infructuosas incursións inglesas.As construcións forman parte do pasado máis glorioso da cidade e hoxe constitúen unha pegada de identidade indeleble. Por iso hai uns anos emprendeuse o camiño para acadar da UNESCO un recoñecemento a esta valía en forma de declaración de Patrimonio da Humanidade.
Pouco a pouco fóronse sumando apoios, algúns de tanta envergadura coma o Parlamento Galego ou o Consello da Cultura Galega, ou mostras de interese coma a de ICOMOS (Comité Internacional de Monumentos e Sitios), organismo asesor da UNESCO para temas de patrimonio.
O Centro Internacional de Estudos sobre Fortificación, creado en Ferrol grazas a un acordo entre o Concello e Icomos, pode supoñer un gran empurrón para a iniciativa. Este órgano de documentación e organización terá as súas sedes no centro cultural Torrente Ballester e no castelo de San Felipe durante un período de tres anos, prorrogable outros tres.
O Goberno ferrolá e a cidade, en virtude dos moitos apois decididos ata o momento, non deixarán de loitar porque os Arsenais e os castelos da Ría obteñan o recoñecemento da Humanidade. A muralla de Lugo traballou dez anos para conseguilo e ao fin obtivo o seu premio. Se o logra, Ferrol podería ser o terceiro conxunto galego declarado Patrimonio da Humanidade, despois de Santiago e Lugo.
A proposta
O Arsenal militar e os castelos da ría de Ferrol son os elementos máis representativos entre as construcións navais do XVIII. O seu valor susténtase en dúas ideas básicas, utilidade e ciencia, presentes en todas as obras da Ilustración ferrolá.Os proxectos foron deseñados conxuntamente atendendo a un criterio racional. Trazouse non só un conxunto defensivo, senón unha cidade completa. Ferrol pasou de ter 200 habitantes e ser unha vila mariñeira a converterse na base da Mariña de Guerra máis importante de Europa. O proxecto abarcou case toda a ría, cun eixe operativo de 12 quilómetros e as principias obras realizáronse cunha marxe de corenta anos (1739-1779). Paralelamente, os mesmos enxeñeiros que trazaron as instalacións militares deseñaron os barrios da cidade. O Arsenal Militar, declarado Ben de Interese Cultural no 1994, conserva gran parte das construcións orixinais, complementadas por outras posteriores. Son especialmente relevantes:
Do século XVIII
- Cortina, que inclúe unha polvoreira, garitas, troneiras…
- Foxo defensivo pola zona de terra
- Dique sur de abrigo na dársena interior e o seu espigón de peche
- Peiraos das dársenas
- Cuartel da Compañía de Garda Arsenais
- Sala de Armas, cos seus almacéns contiguas porticados e a praza que se abre sobre o mar.
- Fonte da Fama
- Porta do Dique
- Portada do antigo cuarto de Axundatía Maior
- Despacho-residencia do Almirante
- Museo e Biblioteca da Zona Marítima do Cantábrico (antigo cuartel de Presidiarios de San Campio)
- Oficinas da Comandacia Xeral (antiga Tenedoría-Almacén Xeral)
- Sala de Proxectos da Empresa da Empresa Izar (antigo gran tinglado de maestranza)
- Ferrerías antigas
- Portada do antigo edificio de Enxeñeiros
Engadidas no século XIX:
- Residencia do Capitán da Compañía de Garda-Arsenais
- Oficinas da 31 escuadrilla
- Fontes-alxibes en Puerto Chico e Ferrerías
- Laboratorio
- Porta do parque
- Despacho-residencia do Axudante Maior
- Edificio da despensa
- Dique seco de carenar San Xiao
- Porta do estaleiro antigo
Outras construcións susceptibles de ser incluídas:
- Cuartel do Tercio Norte de Infantería de Mariña
- Edificio da antiga Capitanía Xeral
- Trazado e edificacións do Barrio da Madalena
- Restos do barrio de Esteiro
Os castelos da Ría conforman un conxunto ben definido de fortificacións costeiras. Aínda que foron construídos antes do Arsenal, as súas obras principias e a súa concepción defensiva datan da mesma época. Ademais das obras principias existen outras posteriores, coma os restos da Muralla da cidade ou a polvoreira do Vispón, que poden sumarse á proposta. O conxunto inclúe principalmente:
- Castelo de San Felipe, declarado Ben de Interese Cultural. Conta cunha batería abaluartada de gran extensión e de gran valor arquitectónico
- Castelo de Nosa Señora da Palma, en Mugardos, tamén declarado Ben de Interese Cultural
- Baterías colaterais da ensenada de Cariño e da Boca da Ría. Estas construcións son do XVIII e inclúen a batería de San Cristovo, a de San Carlos e a das Viñas, todas elas declaradas Ben de Interese Cultural.
As obras ferrolás son da mesma época que a fachada do Obradoiro, pero cun estilo totalmente antagónico. Se a fachada Compostelá é dos máximos exponentes do barroco, o clasicismo francés impera en cada unha das liñas das construcións da Armada. Todos aqueles que traballaron en Ferrol contratados polo Departamento Naval constitúen as primeiras xeracións do racionalismo ilustrado e sobrio da arquitectura militar galega.
A todo isto hai que engadirlle que, en xeral, todas estas construcións están nun bo estado de conservación e aínda permanecen en uso.